Manifesto

Alzamos a voz!
No marco das xornadas feministas do 8 de marzo, as mulleres crentes, de movementos e comunidades, alzamos a voz para dicir que:
VIMOS DE LONXE
Dunha longa tradición feminista que loitou pola dignidade das mulleres, que esixiu a igualdade de dereitos, poder votar, liberdade sexual e reprodutiva, e que no século XXI se recoñece diversa, móstrase cunha forza xove e anovada, e este próximo 8 de marzo volverá saír á rúa para alzar a voz e dicir abonda!
VIMOS DE LONXE
Das mulleres valentes e libres das primeiras comunidades cristiás, e de todas as que ao longo da historia se teñen negado a quedar recluídas nos roles secundarios e invisibles aos que a tradición eclesial e teolóxica as quería someter.
Mulleres protagonistas da súa fe que alzaron a voz para dicir en que crían. Mulleres insubmisas que loitaron para que a súa autoridade fora recoñecida, mulleres solidarias que se organizaron para atender ás persoas que máis o necesitaban, mulleres esperanzadas que creron que a transformación social e a xustiza eran posibles.
VIMOS DE LONXE
Da boa nova dun Xesús que transgrede as normas dunha sociedade fondamente patriarcal. Vimos do Xesús que trata ás mulleres como iguais, e dialoga de ti a ti. Elas, como María Magdalena, son discípulas, amigas, mestras. Son en definitiva, persoas. Vimos dunha Igrexa que nos seus inicios fixo da igualdade entre homes e mulleres, un dos aportes máis radicais do cristianismo á historia da humanidade. Recuperémola!
VIMOS DE LONXE E SOMOS MOITAS
Somos moitas as que en todo o mundo alzamos a voz.
Somos maioría nas tarefas de voluntariado, nas celebracións relixiosas, como catequistas, nos consellos parroquiais, somos moitas nos movementos, asociacións, centros recreativos e no mundo educativo de crianzas e xuventude. Son incontables as congregacións de relixiosas que traballan día a día polos dereitos dos máis vulnerables, como as prostitutas ou as vítimas da trata de mulleres. Quen constitúe unha parte importante da Igrexa no século XXI? Nós!
SOMOS MOITAS E DICIMOS ABONDA XA
- Dicimos abonda xa! porque a pesar de ser maioría somos consideradas como eternas menores de idade, e tratadas con condescendencia.
- Dicimos abonda xa a ser invisibilizadas e silenciadas.
- Dicimos abonda xa! á discriminación por razón do sexo ou o xénero. Cantas mulleres vemos que representan á institución? Cantas teólogas traballan nas facultades de teoloxía, cantas acompañan espiritualmente, cantas son formadoras dos seminarios? Cantas poden tomar parte na toma das decisións máis importantes?
- Dicimos abonda xa! a que se nos negue o sacerdocio debido ao noso corpo, un corpo que sempre está baixo sospeita.
- Abonda xa dunha visión negativa da sexualidade, que crea sufrimento.
- Abonda xa dunha imaxe dun Deus exclusivamente masculino.
IMAXINAMOS E CONSTRUÍMOS UNHA IGREXA NOVA
- Unha Igrexa que é comunidade de iguais, onde a muller é recoñecida como suxeito de pleno dereito, con voz e voto en todas partes, onde a muller é valorada polos propios talentos, carismas e aportes ás comunidades.
- Unha Igrexa onde o liderado é compartido entre mulleres e homes, laicos, laicas, persoas consagradas e sacerdotes.
- Unha igrexa paritaria, máis plural e menos xerárquica.
- Unha Igrexa que acompaña sen xulgar toda a diversidade das familias, de identidades e orientacións sexuais.
- Unha Igrexa onde as mulleres xa somos e nos recoñecemos con autoridade e liderado.
- Unha Igrexa que xa hoxe é semente de futuro.
VIMOS DE LONXE
SOMOS MOITAS E ALZAMOS A VOZ
PARA DICIR ABONDA XA E ESIXIR UNHA IGREXA NOVA QUE
HOXE DÁ UN PASO ADIANTE
Alzamos a voz no Estado español...

https://drive.google.com/file/d/1sAPv_HTvrWREX94D7YQWXTd777RxukWu/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/10RZ4VL5r2BnRdisS71OW3pTaYrAjYYWe/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/17DkAbX0DTDGxp8O92FlFsd7ZC0jLLJsz/view?usp=sharing

https://drive.google.com/file/d/1qnGrLyauR3i_UFhhp111MFqVWNk-DkVM/view?usp=sharing