Espazo de Teoloxía Feminista

Que é o Espazo de Teoloxía Feminista (ETF)?

O Espazo de Teoloxía Feminista é un espazo de reflexión circular, no que compartimos coñecementos sobre as diferentes teoloxías feministas. Partimos da lectura de textos de diferentes autoras que nos fan reflexionar. Nas sesións do espazo poñemos en común as nosas reflexións en roldas nas que compartimos pensamento equilibrando os tempos de palabra, respectando o espazo de cada unha, alimentando o pensamento común.

Un equipo coordinador selecciona e propón os textos. Nas roldas sucesivas e tempos de diálogo aberto imos afondando na lectura, enriquecéndonos coa aportes de todas.

Novas

O pasado 20 de marzo, ó abeiro das indicacións das distintas institucións do Goberno, interrumpiuse o desenvolvemento do VIII Espazo de Teoloxía Feminista. Chegaron a realizarse dúas das cinco sesións previstas incialmente.

Vistas as recomendacións que dende medios oficiais se están dando sobre as reunións de grupos de persoas, a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria acorda retomar este espazo de construcción de pensamento teolóxico nos seguintes termos:

            1. O 19 de xuño reanudarase o VIII Espazo de Teoloxía Feminista.
            2. Terá lugar en dúas vilas á vez para evitar exceder o máximo persoas reunidas permitido nun espazo pechado.
            3. Unha sesión estará ubicada en Pontevedra e outra en Santiago para evitar os desplazamentos entre provincias.
            4. As sesións estarán coordenadas por Elvira (en Pontevedra) e Marisa (en Santiago).
            5. Se é posible, conectaránse telematicamente ambas sesións na última media hora para a posta en común.

Folga dicir que, dende a Asociación Exeria, coidaremos estar previstas para garantir as condicións sanitarias necesarias para facer deste un espazo seguro para as súas participantes. Porén, instase a acudir con marcariña e a colaborar entre todas para gardar as distancias de seguridade en todo momento así como evitar poñer en risco a saúde de todas.

Quedamos á vosa disposición para calquera dúbida que poida xurdir (mcgexeria@gmail.com).

Asina:

Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria

VIII Espazo de Teoloxía Feminista, 2020

Despois de ter afondado da man de Ivone Gebara nos Condimentos feministas a la teología, no ano 2020 celebraremos o VIII Espazo de Teoloxía Feminista. Usaremos como libro de referencia a obra de Elisabeth Johnson La que es.

As sesións están a ter lugar na Casa das Mulleres Xohana Torres, en Santiago de Compostela o terceiro venres de cada mes dende xaneiro ata maio (o 17 de xaneiro, o 21 de febreiro, o 20 de marzo (CANCELADA), o 17 de abril e o 15 de maio) de 18:30 a 21:00h. A matrícula é de 10€ para socias e 20€ para non socias. Aportación solidaria: 30€. Hai posibilidade de beca para estudantes e paradas. Cómpre anotarse antes do 10 de xaneiro no enderezo electrónico elvisantos@mundo-r.com ou a través do teléfono 606 730 206 (Elvira). Anímate a participar!

VII Espazo de Teoloxía Feminista (2019)

Despois de ter escoitado a Ivone Gebara no Encontro Salto Vital de Zaragoza, retomamos con forza o Espazo de Teoloxía Feminista co último libro desta nosa querida teóloga brasileira Condimentos feministas a la teología. A teoloxía de Ivone é un bálsamo para todas nós. O seu estilo realista e reflexivo, enraizado na vida, lévanos a pensar cos pés na terra, poñéndonos ao lado das que sofren, abrindo novas sendas feministas de liberación.

VI Espazo de Teoloxía Feminista (2016)

No ano 2016 seguimos afondando no libro Del cielo a la tierra. Una antología de teología feminista editado por Lene Sjørup, Mary Judith Ress, Riet Delsing e Ute Seibert-Cuadra. Desta volta introducimos o ETF con artigos de Carter Heyward e Carol P. Christ. Da man de Elisabeht Schussler Fiorenza aprendemos as claves dunha nova hermenéutica. Sallie McFague que nos propuxo novos modelos de Deus, libres de sexismo. Neste espazo tamén tivemos un momento de poética cun texto de Alice Walker, tirado do seu libro A cor púrpura.

V Espazo de Teoloxía Feminista (2015)

No ano 2015 xuntámonos arredor do libro Del cielo a la tierra. Una antología de teología feminista editado por Lene Sjørup, Mary Judith Ress, Riet Delsing e Ute Seibert-Cuadra. Nel, limos textos de diferentes autoras que debullaron para nós o sexismo nos distintos campos da teoloxía. Os textos elixidos foron de Ivone Gebara, Carter Heyward e Rosemary Radford Ruether. A historia da Igrexa está inzada de políticas sexistas e mesmo misóxinas, condensadas as máis delas en torno á figura de María.

IV Espazo de Teoloxía Feminista (2014)

No ano 2014 dedicamos o espazo a reflexionar sobre a as imaxes de Deus que se nos transmitiron como a teoloxía feminista as actualiza e renova. Empezamos cun texto de Isabel Gómez-Acebo sobre Deus na Teoloxía Feminista. Logo traballamos dous capítulos do libro de Elisabeth Jhonson "La búsqueda del Dios vivo" e un artigo de Dorothee Solle sobre os nomes de Deus.

III Espazo de Teoloxía Feminista (2013)

No ano 2013 continuamos coa Cristoloxía feminista, lendo capítulos do libro No y amén. Invitación a la duda, da polémica e brillante teóloga alemá Uta Ranke-Heinemann. Con Ana Unzurrunzaga Fernández cabilamos sobre o que significa para nós, as mulleres feministas, o seguimento de Xesús. Aprendemos a ver a mensaxe de Xesús con novos ollos, con mirada violeta, e a desmontar estruturas patriarcais que se foron construíndo ao longo dos séculos arredor da súa figura e misión.

II Espazo de Teoloxía Feminista (2012)

O 2012 centrouse na Cristoloxía Feminista. Ao texto introdutorio de Carme Soto seguiulle Pilar de Miguel sobre Cristoloxía feminista. Con Alicia Miyares achegámonos a La Biblia de la mujer, o primeiro texto de teoloxía feminista que Elisabeth Cady Stanton, Lucrecia Mott e un grupo de destemidas mulleres publicaron en EEUU no ano 1895. Rematanos o ano coas reflexións sobre Cristoloxía feminista da teóloga brasileira Clara L. Bingemer.

I Espazo de Teoloxía Feminista (2011)

No ano 2011 arrancou o Espazo de Teoloxía Feminista cun texto de Margarita Pintos que nos presentou o quefacer das teoloxías feministas. Coa teóloga Rosa Cursach aprendemos as claves da hermenéutica feminista e con Lucía Ramón adentrámonos na súa historia. As reflexións deste I Espazo de Teoloxía Feminista recollémolas no libro As mulleres falamos de Teoloxía, que publicamos en outubro de 2012 e presentamos ao longo do ano 2013, e do que podedes ver unha reseña nesta páxina web, na sección libros.