Novidades

Entranas de misericordia

NOTA DE PRENSA - 28/12/2019

O 28 de decembro, co gallo da festa das Santa Inocentes, a Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria envía o presente documento, Entranas de Misericordia, aos medios de comunicación, difúndeo en redes social e envíallo aos responsables das dioceses galegas para chamar a súa atención sobre aspectos que vemos con preocupación na nosa Igrexa galega a raíz das declaracións de Francisco Rafael Gómez Canoura, párroco de Zas.

Estas declaracións non son un feito illado, senón que se están convertendo nun modo de relación entre as persoas ordenadas e as laicas, unha relación instalada na condescendencia e a infravaloración. As Mulleres Cristiás Galegas Exeria vemos con preocupación como, co paso do tempo, esta forma de relación non cambia pois a formación dos mozos que se preparan para o sacerdocio non está acorde aos tempos nos que vivimos nin en sintonía coa Igrexa en saída que propón o Papa Francisco. Unha proba disto é que na diocese de Santiago de Compostela, no mes de marzo, os seminaristas maiores que se forman para o sacerdocio asistiron a exercicios espirituais dirixidos por Mons. Rouco Varela (http://www.pastoralsantiago.org/finalizaron-los-ejercicios-espirituales-de-los-seminaristas-mayores-diocesanos/)

Estes feitos leváronnos a sentar e reflexionar sobre se esta é a Igrexa que queremos e cal é o futuro cara o que queremos avanzar. O froito desas reflexións é este documento que agora publicamos, e que vai apoiado por: Asociación Irimia, Asociación Encrucillada, Donnes en l’Esglesia, Dones Creients, Mujeres y Teología de Sevilla, Cabra e Zaragoza, colectivo Agar e a Comunidade Cristiá Torrero III de Zaragoza.

No noso horizonte está a procura dunha mellor Igrexa Galega na que se actualice a formación dos sacerdotes e se valore e fomente a responsabilidade dos laicos, nomeadamente das mulleres. Queremos que a Igrexa deixe de ser o tobo no que se agochen o odio, a intolerancia, a inxustiza e o desamor e que se aprecie e valore como merece a cultura galega.

A nosa Igrexa está falta de misericordia.

É urxente mudar os corazóns de pedra por corazóns de carne!


Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria.

Nadal 2019.



Andaina dixital

A Asociación Mulleres Cristiás Galegas - Exeria estrea a súa primeira páxina web

Logo de 23 anos de andaina, hoxe comeza outra nova: a dixital. Agardamos que esta plataforma proxecte á asociación nas redes cun contido proposto, deseñado e oferido polas socias que a conforman.

Aínda suxeita a modificacións, conta ca estimada colaboración da artista Sole Pite, quen proporcionou a imaxe temática da nosa benquerida Exeria. Esta imaxe foi publicada por primeira vez na revista Encrucillada, no número 176.