Quen foi Exeria?


Apuntamentos biográficos

Exeria foi unha muller que peregrinou a Terra Santa entre os anos 381 e 384. Parte de Gallaecia e chega ata o límite entre o Imperio Romano e o Persa. Ata o século XIX só sabiamos da súa existencia porque a nomeaba o abade Valerio do Bierzo nunha carta escrita no século VII, na que poñía á benaventurada Exeria como exemplo de fe para os monxes.

En 1884, Gian Francesco Gamurrini atopou o Codex Aretinus, hoxe no museo da cidade de Arezzo, que contiña un fragmento do manuscrito de Exeria, o único do que dispoñemos hoxe. O Codex Aretinus foi copiado no século XI, no Mosteiro de Montecasino. Coa destrución de Montecasino vai ao Mosteiro de Arezzo, e cando Napoleón suprime este mosteiro, no 1810, un fragmento do texto vai parar á Confraternitá dei Laici, na mesma Arezzo, onde se encaderna con outras dúas obras no Codex Aretinus, obra que atopa Gamurrini en 1884.

O Itinerario atopado está dividido en dúas partes. A primeira recolle o último tramo dunha viaxe máis longa, entre decembro do 383 e xuño do 384. Sabemos que a viaxe empezou antes, no 381, pois Exeria mesma nos conta que chegou a Xerusalén na Pascua dese ano. A segunda parte describe as liturxias de todo un ano que se realizan na cidade de Xerusalén.

Hoxe temos constancia de que houbo varias copias completas do Itinerario de Exeria na biblioteca de Toledo e nas bibliotecas dos mosteiros de:

        • San Pedro de Montes, onde a leu Valerio no século VII
        • Celanova, que a recibe como doazón de San Rosendo na súa fundación, no ano 935
        • Saint Martial de Limoges (Francia)
        • Montecasino (Italia)

A obra de Exeria, amais de mencionarse na carta de Valerio do Bierzo, inflúe tamén no Liber de locis sanctis que o bibliotecario de Montecasino Pedro Diácono escribe hacia 1137. Este autor non estivo en Terra Santa pero elaborou unha guía para peregrinos copiando máis dunha descrición de Exeria.

Eu que son moi curiosa...

Exeria é unha muller inquieta, con iniciativa, creativa e arriscada, que quere vivir e descubrir por ela mesma os lugares onde naceu a experiencia cristiá. A súa viaxe ten unha dimensión relixiosa fonda. É unha muller protagonista nese espertar cultural que caracteriza á Gallaecia do século IV. É tamén unha muller atrevida, libre, liberada.


Saíndo de novo dende alí, no nome de Cristo o noso Deus, chegamos a Edesa. Nada máis chegar fomos inmediatamente á igrexa e ó sepulcro de San Tomé. (...) Como había moitas cousas que eu precisaba ver, foime preciso quedarme tres días. Entón vin naquela cidade moitos sartegos de mártires, e tamén santos monxes, uns que viven preto destes sepulcros e outros que viven máis lonxe da vila, en lugares secretos.Abril do ano 384


Exeria ten necesidade de transmitir o que ve e sinte. Nela abrollan a tradición, a experiencia cristiá e a necesidade de transmitir esa experiencia. Por iso escribe para un grupo de mulleres (sen autoridades masculinas) que, desde a distancia da súa terra, estana animando e alentando. O seu periplo parte da súa curiosidade e a das súas compañeiras, do seu desexo compartido e sostido polas outras.


A carón do santuario non hai outra cousa máis ca incontables ermidas de homes e mulleres. Alí atopei a unha moi amiga miña, da que todos en Oriente daban testemuño da súa vida, a santa diaconisa Marthana, que xa a coñecera en Xerusalén, a onde fora para facer oración. Ela dirixía mosteiros de "apotactitas" ou virxes, e cando me viu... podo eu describir cal foi a ledicia dela e a miña?.Maio do ano 384


Con Exeria descubrimos os sepulcros como lugares de luz, de graza e de forza para as peregrinas que os visitan. Exeria descúbrenos cales eran as lecturas preferidas dentro do seu grupo de mulleres, e tamén as ermidas que aparecen en Exipto e Palestina ás que homes e mulleres se retiran nos inicios do movemento ascético. Exeria non peregrina a Fisterra, ao ocaso da vida. Ela vai ás orixes, cara o amencer, nunha viaxe de retorno á fonte da vida, á fonte da fe.


Eu, como son moi curiosa, empecei a preguntar que val era este no que o santo monxe tiña feito o seu eremitorio, pois pensaba que non había estar feito sen motivo. E dixéronnos os santos que connosco facían aquela viaxe, é dicir, os coñecedores do sitio: "Este é o val de Corra, onde se asentou o santo Elías Tesbita, en tempos do rei Acab, cando tivo fame e por mandato de Deus un corvo leváballe a comida e bebía auga deste torrente".Febreiro-Marzo do ano 384


Exeria é símbolo para nós, mulleres en busca. A nosa busca, como a de Exeria, é integral: pasa polo coñecemento e tamén polo tocar, palpar, investigar, estar na vida da historia que facemos e da que émos deixar constancia abrindo camiño para as outras. Exeria conmove a nosa historia, tócanos por dentro.

Para curiosas...

A continuación poñevos á vosa disposición o pdf do artigo Exeria. Unha muller curiosa de Marisa Vidal Collazo publicado na revista Encrucillada 179 do setembro - outubro de 2012.

Se a previsualización do documento suscitara algún problema ou erro, accedendo cos teus datos de Google, telo tamén dispoñible neste enderezo: https://drive.google.com/file/d/1qVlmaIifijYv3VzvFBO3VV56IyKqi4Ij/view?usp=sharing.

Exeria unha muller curiosa encrucillada.pdf