Actos (Galiza)

2023

A convocatoria

O domingo 5M, 5 de marzo ás 12h, a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria e a Parroquia do Cristo da Victoria de Vigo convidáronnos a participar nos actos que na Praza da Quintana de Compostela e diante da Parroquia do Cristo da Victoria en Vigo pola Igualdade e a dignidade das mulleres na Igrexa.

A revolta un ano máis sae á rúa, e desta volta vaino facer en máis cidades. Están convocados actos en Almería, Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Burgos, Ciutadella, Córdoba, Granada, Huelva, As Palmas de Gran Canaria, Logroño, Madrid, Oviedo, Salamanca, Santander, Sevilla, Valencia, Vigo, Vitoria-Gasteiz e Zaragoza.  20 cidades en Revolta!!


Ata que a igualdade sexa costume!!

Nota de prensa

Un ano máis, as asociacións e grupos que conforman a Revolta das Mulleres na Igrexa - Alcem la Veu saímos á rúa diante das portas da catedrais para pedir a Igualdade na Igrexa Católica.

A Revolta de Mulleres na Igrexa-Alcem la Veu nace en marzo de 2020 seguindo o chamado da plataforma Alcem la Veu, constituída en Barcelona por diferentes colectivos de mulleres feministas da Igrexa, co único obxectivo da acadar a igualdade na Igrexa Católica.

A Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, asociación que nace no 1996, que desde os seus inicios ten claro este obxectivo, e a Parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo, convocamos a todas as mulleres e homes de Igrexa o domingo 5 de marzo, ás 12h, diante da porta Santa da Catedral de Santiago e diante da parroquia do Cristo da Vitoria de Vigo, para reclamar a igualdade na Igrexa.

Imos ampliando a convocatoria, á que cada ano se suman máis grupos de mulleres en máis cidades. O día 5 de marzo haberá actos de vindicación coma os nosos, organizados pola Revolta de Mulleres na Igrexa - Alcem la Veu, nas portas de catedrais de Almería, Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Burgos, Ciutadella, Córdoba, Granada, Huelva, As Palmas de Gran Canaria, Logroño, Madrid, Oviedo, Salamanca, Santander, Sevilla, Valencia, Vigo, Vitoria-Gasteiz e Zaragoza, así como en diversas cidades de Europa e o mundo. Continuamos así un movemento que non vai parar ata que a igualdade sexa costume!

Nos diferentes actos organizado pola Revolta de Mulleres na Igrexa reivindicaremos e celebraremos o camiñar de todas as mulleres que ao longo destes XX séculos de historia construíron Igrexa non dende a submisión, senón dende a afouteza. Por iso pedimos que se asista traendo un zapato, que se colocará na rúa coma xesto desas pegadas nas que nós seguimos camiñando por unha igrexa libre de clericalismo, que aposta pola igualdade, que racha co patriarcado para constituír a comunidade dos fillos e fillas de Deus. É por iso que para elaborar o cartel anunciador dos actos escollemos un mural feito no marco do proxecto Codeinfa, en Santiago de Chile, por vítimas de violencia de xénero.

Remataremos o acto lendo o manifesto da revolta das mulleres na Igrexa, un manifesto no que declaramos que vimos de lonxe, que somos moitas as que dicimos abonda xa e que estamos dispostas a imaxinar e construír unha nova Igrexa, máis plural e menos xerárquica, que acompaña sen xulgar, na que os liderados sexan compartidos, na que poder descubrir as sementes do Reino camiñando cara un futuro novo no que a igualdade sexa costume.

Podedes seguir as diferentes accións en www.exeria.org, e nas redes sociais da revolta.

Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria

Santiago de Compostela, Marzo 2023

Galería de Imaxes

2022

Acto en Santiago (06.03.2022)

Para a realización deste video contamos ca inestimable participación de Bea e Adela. Estamos sumamente agradecidades pola profesionalidade que amosaron e o resultado do seu traballo que hoxe vos traemos aquí.

2021

Nota de prensa

Recollendo o chamado do Consello de Mulleres Católicas (CWC), que promove a acción Voices of Faith (www.voicesoffaith.org), as diferentes asociacións de mulleres crentes feministas do estado español alzamos a nosa voz e por segundo ano consecutivo, propoñemos unha revolta de mulleres na Igrexa neste mes de marzo de 2021.

A Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria, que neste 2021 celebramos os nosos 25 anos de existencia, convocamos o pasado domingo 7 de marzo a todas as mulleres de Igrexa, ás 12h, diante da porta Santa da Catedral de Santiago e diante da Igrexa da Peregrina, en Pontevedra, para reclamar a igualdade na Igrexa. Ao mesmo tempo, houbo actos de vindicación das mulleres na Igrexa nas portas de catedrais de Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Gran Canaria, Granada, Logroño, Madrid, Sevilla, Zaragoza e Vitoria, así como en diversas cidades de Europa e o mundo. Continuamos así unha revolta que se iniciou o ano pasado e que non vai parar ata que a igualdade sexa costume!

No acto organizado en Compostela e na concentración en Pontevedra, reivindicamos e celebraremos ás mulleres que nestes vinte séculos fixeron Igrexa non dende a submisión, senón dende a afouteza. Procuramos levar unha prenda branca, a cor da resurrección, pois resucitamos para todas a voz das mulleres valentes, alicerces seguros de feminismo, que dende a súa fe souberon poñer palabra e obra á vindicación de dereitos das mulleres na Igrexa. Elas propuxeron para todas novas formas de solidariedade e espiritualidade. Son luz para outras mulleres e homes, pois nos aprenderon novos significados da mística e o compromiso cristián.

Rematamos o acto lendo o manifesto da revolta das mulleres na Igrexa (dispoñible en www.exeria.org). Este texto estívose lendo ao pé de tódalas catedrais e nel declaramos que vimos de lonxe, que somos moitas as que dicimos abonda xa e que estamos dispostas a imaxinar e construír unha nova Igrexa, máis plural e menos xerárquica, que acompaña sen xulgar, na que os liderados sexan compartidos, na que poder descubrir as sementes do Reino camiñando cara un futuro novo no que a igualdade sexa costume.


Mulleres Cristiás Galegas - Exeria

Marzo, 2021

Galería de imaxes

Concentración Pontevedra (07.03.2021)

Acto en Santiago (07.03.2021)

Para a realización deste video contamos ca inestimable participación de Aranxa Vicens e Bea Fernández. Estamos sumamente agradecidades pola profesionalidade que amosaron e o resultado do seu traballo que hoxe vos traemos aquí.