Manifesto

Apartado en construción - Pendente de actualización

Alzamos a voz!

No marco das xornadas feministas do 8 de marzo, as mulleres crentes, de movementos e comunidades, alzamos a voz para dicir que:

VIMOS DE LONXE

Dunha longa tradición feminista que loitou pola dignidade das mulleres, que esixiu a igualdade de dereitos, poder votar, liberdade sexual e reprodutiva, e que no século XXI se recoñece diversa, móstrase cunha forza xove e anovada, e este próximo 8 de marzo volverá saír á rúa para alzar a voz e dicir abonda!

VIMOS DE LONXE

Das mulleres valentes e libres das primeiras comunidades cristiás, e de todas as que ao longo da historia se teñen negado a quedar recluídas nos roles secundarios e invisibles aos que a tradición eclesial e teolóxica as quería someter.

Mulleres protagonistas da súa fe que alzaron a voz para dicir en que crían. Mulleres insubmisas que loitaron para que a súa autoridade fora recoñecida, mulleres solidarias que se organizaron para atender ás persoas que máis o necesitaban, mulleres esperanzadas que creron que a transformación social e a xustiza eran posibles.

VIMOS DE LONXE

Da boa nova dun Xesús que transgrede as normas dunha sociedade fondamente patriarcal. Vimos do Xesús que trata ás mulleres como iguais, e dialoga de ti a ti. Elas, como María Magdalena, son discípulas, amigas, mestras. Son en definitiva, persoas. Vimos dunha Igrexa que nos seus inicios fixo da igualdade entre homes e mulleres, un dos aportes máis radicais do cristianismo á historia da humanidade. Recuperémola!

VIMOS DE LONXE E SOMOS MOITAS

Somos moitas as que en todo o mundo alzamos a voz.

Somos maioría nas tarefas de voluntariado, nas celebracións relixiosas, como catequistas, nos consellos parroquiais, somos moitas nos movementos, asociacións, centros recreativos e no mundo educativo de crianzas e xuventude. Son incontables as congregacións de relixiosas que traballan día a día polos dereitos dos máis vulnerables, como as prostitutas ou as vítimas da trata de mulleres. Quen constitúe unha parte importante da Igrexa no século XXI? Nós!

SOMOS MOITAS E DICIMOS ABONDA XA

  • Dicimos abonda xa! porque a pesar de ser maioría somos consideradas como eternas menores de idade, e tratadas con condescendencia.

  • Dicimos abonda xa a ser invisibilizadas e silenciadas.

  • Dicimos abonda xa! á discriminación por razón do sexo ou o xénero. Cantas mulleres vemos que representan á institución? Cantas teólogas traballan nas facultades de teoloxía, cantas acompañan espiritualmente, cantas son formadoras dos seminarios? Cantas poden tomar parte na toma das decisións máis importantes?

  • Dicimos abonda xa! a que se nos negue o sacerdocio debido ao noso corpo, un corpo que sempre está baixo sospeita.

  • Abonda xa dunha visión negativa da sexualidade, que crea sufrimento.

  • Abonda xa dunha imaxe dun Deus exclusivamente masculino.

IMAXINAMOS E CONSTRUÍMOS UNHA IGREXA NOVA

  • Unha Igrexa que é comunidade de iguais, onde a muller é recoñecida como suxeito de pleno dereito, con voz e voto en todas partes, onde a muller é valorada polos propios talentos, carismas e aportes ás comunidades.

  • Unha Igrexa onde o liderado é compartido entre mulleres e homes, laicos, laicas, persoas consagradas e sacerdotes.

  • Unha igrexa paritaria, máis plural e menos xerárquica.

  • Unha Igrexa que acompaña sen xulgar toda a diversidade das familias, de identidades e orientacións sexuais.

  • Unha Igrexa onde as mulleres xa somos e nos recoñecemos con autoridade e liderado.

  • Unha Igrexa que xa hoxe é semente de futuro.

VIMOS DE LONXE

SOMOS MOITAS E ALZAMOS A VOZ

PARA DICIR ABONDA XA

E ESIXIR UNHA IGREXA NOVA QUE HOXE DÁ UN PASO ADIANTE

Alzamos a voz no Estado español...

MANIF EUSK MyT_eusk.docx.pdf
Texto en Euskera
https://drive.google.com/file/d/1sAPv_HTvrWREX94D7YQWXTd777RxukWu/view?usp=sharing
MANIF GL Alzamos a voz.pdf
Texto en Galego
https://drive.google.com/file/d/10RZ4VL5r2BnRdisS71OW3pTaYrAjYYWe/view?usp=sharing
MANIF CAT Alcem la veu (catalán).pdf
Texto en Catalán
https://drive.google.com/file/d/17DkAbX0DTDGxp8O92FlFsd7ZC0jLLJsz/view?usp=sharing
MANIF ESP 1M Zaragoza.docx.pdf
Texto en Castelán
https://drive.google.com/file/d/1qnGrLyauR3i_UFhhp111MFqVWNk-DkVM/view?usp=sharing