Libros

Publicacións Propias

Tareixa Ledo Regal, Maite Pérez Vázquez, Marisa Vidal Collazo (Coord.) Edita Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria, Santiago de Compostela, 2012.

As mulleres falamos de teoloxía

Espazo de Teoloxía Feminista

Este libro é froito da palabra das vinte e unha mulleres que participamos no I Espazo de Teoloxía Feminista, realizado no ano 2011.

Prologado pola teóloga brasileira Ivone Gebara, recolle as reflexións feitas a partir de textos de Margarita Pintos, Rosa Cursach e Lucía Ramón Carbonell cos que buscamos vivir a nosa fe desde a dignificación das mulleres. Coordinaron e coidaron a edición Tareixa Ledo Regal, Maite Pérez Vázquez e Marisa Vidal Collazo.

A obra foi presentada en Santiago de Compostela (na librería Lila de Lilith o 30/11), Pontevedra (Galería Sargadelos, o 7/2), A Coruña (Edificio Fonseca, 23/5) e Vigo (Parroquia do Cristo da Vitoria), amais de na Festa do Lume 2013 da Asoc. Irimia e na Escola de Espiritualidade da Asoc. Encrucillada.

María Pilar Wirtz, Maite Pérez, Elvira Santos e Marisa Vidal. Edita Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria, Santiago de Compostela, 2010.

Engracia Vidal Estévez

Profecía de fe e galeguidade

No ano 2010, en colaboración coa Asociación Encrucillada, fixemos unha homenaxe a Engracia Vidal Estévez, que cumpría 80 anos. Engracia leva na asociación dende os seus inicios, e toda a súa vida implicada na Igrexa Galega. Nunha longa entrevista completada con aportes de diferentes persoas fomos facendo un percorrido pola sementeira que é a súa vida.

O periplo serviunos de escusa tamén para facer unha radiografía da Igrexa Galega dende os anos 40 ata a súa entrada no século XXI prestando especial atención ao que para a nosa Igrexa supuxo o Concilio Vaticano II e o Concilio Pastoral de Galicia.

A dirección e coordinación deste proxecto estivo a cargo de María Pilar Wirtz, Maite Pérez, Elvira Santos e Marisa Vidal. Para a portada, ilustracións, maquetación e deseño contamos co bo facer de Pedro Ávila e Soledad Pite. O libro inclúe tamén un DVD coa entrevista a Engracia que fixeron Maite Pérez e Marisa Vidal.

Tareixa Ledo Regal Elvira Santos Pena (Coord.) Edita Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria, Santiago de Compostela, 2017.

Asun Louzán Tomé

Mestra de vida

A pegada de Asun non pode quedar envolta no silencio, oculta… As Mulleres Cristiás Galegas conxurámonos para non esquecer o valor das mulleres extraordinarias como ela, e decidimos sacala á luz. Que brille, que sorprenda, que se vexa e que se vexa ben, con cores fortes coma as que ela gostaba de usar no seu vestir.

O libro ten a riqueza dos traballos colectivos, corais, donde moita xente, amigas, familiares, compañeiras de traballo, catequistas, tertulianas,... fomos quen de poñer a nosa palabra para expresar que foi o que aprendemos de Asun, a nosa admiración pola súa capacidade creativa, a autenticidade do seu compromiso, ou todo o cariño que foi capaz de xerar en nós.

O libro ten no deseño de cada páxina a delicadeza que Asun transmitía coa súa personalidade.

Tareixa Ledo Regal, Marisa Vidal Collazo, María Wirtz Molezún e Pilar Wirtz Molezún. Edita Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria coa colaboración da Concellería da Muller do Concello de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, 2007.

Donas da nosa memoria

En 2006 a Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria cumpre 10 anos de vida. Celebrámolo editando no 2007 un libro que recolle a voz de todas as fadas de estrano nome que fixeron posible eses dez anos de vida.

Na parte I, a vida vai como un río, lembramos o camiño percorrido. Na parte II, mirándonos nas augas, fixemos reflexión conxunta sobre o camiño andado, e na parte III, a forza das augas abre camiño, trazamos por onde queriamos seguir fluíndo e avanzando.

Esta obra é un traballo de equipo realizado por Tareixa Ledo Regal, Marisa Vidal Collazo, María Wirtz Molezún e Pilar Wirtz Molezún. Editouse coa colaboración da Concellería da Muller do Concello de Santiago de Compostela.